luns, 15 de xullo de 2013

Comparto con vós un artigo moi interesante sobre a historia do circo que atopei na rede, en concreto na páxina de Artes escénicas, (premede nesta ligazón para acceder ó artigo completo) un blog que me parece moi interesante, con contido, e que ademais, está en galego. Grazas ás persoas que o crearon por compartir con nós un material tan ben traballado.
Penso que vai ser un lugar de consulta habitual meu para aprender sobre a complexidade do mundo escénico. Déixovos a continuación algúns parágrafos do que alí podedes atopar:
  • "A orixe do circo de rúa é moi antiga. De feito, na orixe do circo crúzanse dúas xeometrías: a circular das pistas de cabalos e a rectangular da alfombra sobre a que saltadores, forzudos e contorsionistas facían os seus exercicios. No mundo grego e romano xa existían estas exhibicións de forza, equilibrio, destreza e habilidade. Mais, coa chegada do feudalismo estes artistas foron expulsados dos recintos importantes para regresar ao barro. De feito, na India, as habilidades do circo, sobre todo os contorsionistas, forman parte das castas inferiores. Na rúa sitúase a parte máis indigna do circo, pero ao mesmo tempo a máis intrigante."
  • "Os pallasos eran os intelectuais do circo, herdeiros de personaxes da Comedia dell’Arte, fieis fillos dos graciosos do teatro español do século de Ouro, do bufón e do xograr. O augusto e o carabranca (o tonto e o listo) representan a loita de dous mundos opostos, o da racionalidade, que personifica o pallaso branco e o da excentricidade, que simboliza o do nariz colorado".
  • "O novo circo semella que acolle diferentes disciplinas pero aparecen enl temas recorrentes como:
    • a visibilidade (potenciar o atractivo visula dos números, iso minimiza actuacións como as dos pallasos faladores ou o xefe da pista) 
    • a unidade conceptual: un fío argumental mantido aom longo do espectáculo, unha integración musical, e o emprego de certos personaxes ao longo da obra".


  • "O Circo do Sol é o máis importante que aconteceu no circo en anos non só pola calidade senón pola resposta do público. A idea de todos os seus espectáculos é que o espectador realice unha viaxe fantástica a través de distintos cadros, un pouco á maneira das antigas pantomimas. A ausencia total de animais entróncano coas ideas do novo circo e permítenlle liberarse de restriccións como a pista circular, aínda que si manteñen a carpa na maioría das actuacións".
Dentro do artigo podedes atopar  unha breve Historia do Clown de Shivababilon, onde describe moi ben os diferentes tipos de pallaso e as súas características principais.
Asemade, ten incunstacións de vídeo moi interesantes sobre diferentes tipos de espectáculos relacionados co mundo do circo e o concepto de novo circo actual do Cirque du soleil.
Agardo que vos serva de axuda ou, cando menos, como curiosidade e entretemento.
O alumnado do IES Alexandre Bóveda xa pode entrar dende aquí na aula virtual da materia de Educación Física. Só tedes que ir a pestana: Aula Virtual.
Por fin, despois de moitos días e moitas horas... conseguimos editar e cargar o vídeo do espectáculo completo. Agardo que o disfrutedes e que... cheguedes ata o final. Non vos arrepentiredes!!!

domingo, 14 de xullo de 2013

No tag ODC LIAC da páxina principal, xa podedes ver o cartel e o programa de man do espectáculo: A maleta dos soños, outro mundo é posible, que estreamos a pasado 21 de xuño.
En breve, poderedes ver o espectáculo completo.

mércores, 3 de xullo de 2013

BENVIDA

Benvidos e benvidas a este novo Blog de EF. Nel tentarei recoller material de apoio ás sesións de EF no IES Alexandre Bóveda de Vigo e, sobre todo, material do Obradoiro de Circo que alí desenvolvemos, baixo o nome de cía. LIAC. Agardo que vos serva de utilidade.